Controlado un incendio que calcinou catro naves no polígono do Ceao en Lugo


Un incendio declarado no Polígono do Ceao en Lugo atópase controlado. Así o comunicaron os Bombeiros de Vilalba ao 112 Galicia preto das 12:30 horas deste domingo. Segundo os últimos datos recollidos no 112 Galicia, na nave onde se orixinou o incendio, unha fábrica de pinturas da empresa Castro Parga, ardeu unha zona de almacenaxe. O lume tamén afectou a unha parte dunha nave onde se atopan varias máquinas rotativas e a unha nave industrial onde se almacenan pneumáticos. Ademais, os servizos de emerxencia baleiraron unha gasolineira próxima ao lugar do incendio.

Cómpre salientar que a Xunta activou o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA) por mor deste incendio industrial. A activación deste Plan, neste nivel, supón a mobilización dos recursos de ámbito local ou supralocal para facer fronte a esta situación de risco e garantir a coordinación entre os organismos mobilizados.

Deste xeito, para atallar este incendio que afectou a cinco naves industriais, foron mobilizados os Bombeiros de Lugo e de Vilalba, varias motobombas procedentes do persoal de incendios forestais de Monterroso, Becerreá e Chantada, ademais do Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias, que achegou dous camións nodriza para abastecer de auga aos equipos de extinción. Tamén desprazáronse ata o lugar o incendio, na Avenida da Industria, os axentes da Policía Nacional e Local e, como medida preventiva, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. O incendio comezou preto das 6:40 horas. Foi, nese momento, cando o 112 Galicia recibiu a alerta dos feitos a través da Policía Nacional.