“Non hai fascismo sen Facebook”
O sonado xornalista Lluís Bassets acudiu a Compostela a conversar sobre os fascismos dixitais, o perigoso poder da tecnoloxía para controlar as masas
Internet é unha arma moi perigosa. As masas nunca foron tan sinxelas de controlar como agora, os instrumentos dixitais “permiten chegar moi lonxe na manipulación das conciencias”, explicou nunha entrevista en Nós Televisión o xornalista catalán Lluís Bassets. O ciclo PENSARMOS do Consello da Cultura Galega convidou a Bassets para participar nunha ponencia arredor dos fascismos dixitais, dos que hai uns meses escribiu en El País.
“O mundo dixital non é fascista“, comenta, máis ben “non hai fascismo sen Facebook” opina facendo referencia ás empresas donas das redes sociais máis empregadas,“multinacionais americanas máis poderosas que moitos estados“. As diferenzas entre os fascismos do século XX e os de hoxe son claras, pero “a nivel de manipulación de sentimentos de odio, de xenofobia, de exclusión… o parecido é enorme”, engade.
O facer dos políticos está en moitos casos relacionado coas fake news, eses “bulos” que sempre existiron, como di Bassets, e que crean realidades paralelas tan válidas coma calquera outra. A gran característica destes mundos inventados é que “aos seus seguidores non lles importa que sexa falsa”, opina, “porque o que lles gusta é o seu significado, e polo tanto segue mantendo esa postverdade, chamémola como sexa“, engade.