Convenio de colaboración para a reforma do centro de saúde de Valdoviño


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Valdoviño, Alberto González Fernández, asinaron un convenio de colaboración no que se establecen as bases para o financiamento das obras de reforma do centro de saúde da localidade.
O investimento deste proxecto de mellora ascende a 174.176 euros, partida económica que será cofinanciada a partes iguais polo Sergas e o Concello. Deste xeito, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Valdoviño contarán, a partir do vindeiro ano, cunhas instalacións e máis confortables e accesibles. O centro de saúde de Valdoviño conta con 5.427 tarxetas sanitarias, das que 473 son de pediatría.
As obras, previstas consisten nunha importante reforma da fachada, que se limpará con auga a presión, eliminando todos os materiais soltos ou mal adheridos e colocando viseiras ou parasois nos ocos das ventás. Tamén se reformará a carpintería exterior, utilizando xanelas con rotura da ponte térmica. boa estanquidade e vidros de seguridade na planta baixa. Con esta actuación, búscase ademais de corrixir as deficiencias detectadas, mellorar a confortabilidade e a eficiencia enerxética do centro.