Convenio entre A Laracha e a Xunta para a concesión de novas axudas ao sector hostaleiro

PIXABAY

  • O Concello destinará 61.000 euros de fondos propios para complementar as axudas autonómicas

Na Xunta de Goberno Local da Laracha, celebrada este xoves, acordouse a adhesión do Concello ao convenio de colaboración coa Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e coa Consellería de Emprego e Igualdade para a concesión de axudas aos negocios do sector da hostalaría afectados polos peches debido ás medidas para frear a Covid-19.

Con este acordo, o Concello comprométese a complementar as subvencións a este sector que xa foran convocadas no seu momento pola Xunta de Galicia, e que ademais tiveran un orzamento de doce millóns de euros. Así, o Goberno local achegará un total de 61.000 euros para suplementar ditas axudas a todos os establecementos hostaleiros do termo municipal que as solicitaran e que cumpren cos requisitos estipulados nas bases.

Esta liña de subvencións da Xunta de Galicia é compatible coas outras dúas convocatorias de axudas dirixidas ao fomento do emprego como as aportadas polo Concello con fondos propios, destinándose unha partida orzamentaria de máis de 200.000 euros, ou o PEL-Reactiva da Deputación da Coruña, que contou cunha achega de 185.000 euros.