Convenio entre o Concello de Cee e a Fundación Fernando Blanco de Lema

1 minutes read

Vén de asinarse o convenio anual entre o Concello de Cee e a Fundación Fernando Blanco de Lema que regula unha subvención nominativa destinada a unha das actividades que realiza a entidade, colaborando e financiando os gastos de persoal e mantemento básico do Museo Fernando Blanco, ubicado no nº 25 da Praza da Constitución, sobre a que foi sede da antiga Escola das Nenas da entidade ceense.
Margarita Lamela Louzán, como Alcaldesa de Cee, e Eva García Caamaño, na súa condición de Presidenta da centenaria entidade educativa e cultural, rubricaron o acordo que permite, xunto con outras axudas, que a Fundación poida ter o centro museístico funcionando con normalidade ao longo de todo o ano.

Historicamente a relación entre o Concello e a Fundación sempre foi exquisita, xogando a administración local un papel determinante nos pasos previos que se deron para a creación do Museo e para o seu posterior funcionamento.
Así, dende a Fundación Fernando Blanco, amosaron o seu recoñecemento por tan inestimable colaboración, agradecendo á Alcaldesa, equipo de goberno, oposición, e a todos os integrantes que formaron parte do pleno do Concello de Cee no pasado, a súa aposta por unha entidade que foi determinante para a vila e para a contorna, e que a día de hoxe difunde a figura do fundador e do seu impagable legado.