Convenio para crear unha nova conexión de autobús de Tordoia co instituto de Ordes

2 minutes read

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, firmou co alcalde de Tordoia, Eduardo Antonio Pereiro, o acordo para desenvolver un servizo público de transporte que vai permitir que os rapaces que cursan ensinanza non obrigatoria en Ordes poidan desprazarse de xeito gratuíto desde Tordoia empregando a tarxeta Xente Nova.

O obxectivo desta nova expedición, segundo explicou Ethel Vázquez, é facilitar tanto os desprazamentos dos veciños no interior do municipio como cara a Ordes, onde se atopan servizos básicos como os de educación non obrigatoria.

No que se refire ás obrigas estipuladas no convenio, o Concello de Tordoia asume a responsabilidade de achegar un investimento anual de 19.363,57 € para cofinanciar este servizo de interese municipal.

A nova liña, que comezará a funcionar este vindeiro martes, partirá de Brandoñas de Arriba, en Tordoia, e terá paradas en Vilasal, A Pontepedra, no CPI Pecalama, Seixán, Vilarchán, Malvares e Guillufe, ata a súa chegada ao IES de Ordes.

O itinerario está coordinado co horario lectivo do centro para facilitar tanto a entrada á mañá como á volta a mediodía, ao remate das clases.

Así, a saída será todos os días, de luns a venres, ás 07,55 horas para chegar ao instituto ás 08,50 e o regreso será ás 14,50 horas, agás os luns que, ao haber clases pola tarde, partirá á finalización das mesmas, ás 18,30 horas, desde Ordes cara a Tordoia.

Os menores de 21 anos poden viaxar gratis nestes servizos de autobús empregando a tarxeta Xente Nova, o que favorece o acceso dos máis novos á educación non obrigatoria, ademais e contribuír á economía das familias. 

Na actualidade, 74 rapaces do concello de Tordoia xa están a viaxar de balde grazas ao emprego deste dispositivo en calquera das preto de 3.500 liñas de transporte autonómico.

Ademais, os usuarios poden beneficiarse das bonificacións xerais da tarxeta de mobilidade de Galicia, TMG, ademais das bonificacións por recorrencia ou por ser familia numerosa.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?