Convenio para executar o eixe de mobilidade sostible ente Milladoiro e a intermodal de Santiago

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou de xeito telemático co alcalde de Ames, José Blas García, o convenio de colaboración para executar as obras do eixe de mobilidade sostible entre O Milladoiro e a estación intermodal de Santiago.

Trátase de sentar as bases que permitan a coordinación da execución das obras impulsadas pola Xunta do que será o primeiro itinerario de conexión entre O Milladoiro e a estación intermodal. As obras están xa licitadas e en fase de contratación e suporán un investimento de máis de 7,5 millóns de euros.

En concreto, o departamento que dirixe Ethel Vázquez, ten previsto iniciar as obras deste primeiro treito do novo eixe de mobilidade sostible no outono, cun prazo de execución de 18 meses.

O itinerario partirá do sur do núcleo do Milladoiro, no concello de Ames, na intersección da rúa do Rego coa rúa Filgueiras, para chegar á rúa Clara Campoamor, na estación intermodal en Santiago.

Para completar este percorrido, o trazado que se executará discorre polas rúas Curuxa e Figueira, no núcleo urbano do Milladoiro, de titularidade do Concello de Ames, ata enlazar co eixe xa de novo trazado que discorre polos terreos situados entre a SC-20 e a AP-9, xa no municipio de Santiago.

Mediante o convenio rubricado, a Xunta asume o financiamento e a execución das obras e a posterior entrega das actuacións executadas no municipio de Ames á entidade local.

Pola súa banda, o Concello comprométese a poñer á disposición da Xunta todos os terreos necesarios de titularidade municipal para a execución das obras, que deberá formalizarse antes da sinatura do contrato de obra por parte da Xunta.

Unha vez rematadas as obras, o Concello de Ames asumirá a titularidade, o seu mantemento e conservación.

Este eixe de mobilidade sostible terá continuidade no itinerario que partirá da rúa Clara Campoamor e finalizará en San Caetano, tamén en fase de contratación. 

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha