Convenio para fomentar un comercio adaptado ás necesidades das persoas celíacas

1 minutes read

A Xunta asinou un novo convenio coa Asociación de Celíacos de Galicia (Acega) para fomentar un comercio adaptado ás necesidades das persoas celíacas. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou este sábado a tenda Raíña Paraíso na praza de Abastos de Santiago, un dos establecementos adheridos a este programa.

Fabiola García apuntou que mediante a iniciativa ‘A restauración galega sen glute’, distínguese a aqueles comercios de referencia na xestión de alérxenos para que as persoas celíacas teñan máis doado ir a facer a compra ou comer nun restaurante con todas as garantías. Nestes momentos, son máis de 250 comercios ou centros hoteleiros de toda Galicia os que participan no programa.

A conselleira sinalou que estes locais poden formarse na elaboración dun menú sen glute, reciben asesoramento técnico e información sobre provedores e sométense a auditorías ou inspeccións periódicas para valorar a aplicación destas medidas. Así mesmo, agradeceu a Acega pola súa labor pedagóxica e polo seu empeño para ofrecerlle ás máis de 3000 persoas celíacas de Galicia unha oferta gastronómica variada e segura.