Converten as torres Hejduk do Gaiás nun invernadoiro interactivo

1 minutes read

Fitotario, unha intervención artística que une tecnoloxía e natureza nunha experiencia inmersiva creada pola artista visual Macarena Montesinos Fandiño, en colaboración co artista sonoro Miguel Seoane. Coincidindo co arranque da primavera, este espazo do Gaiás recupera así temporalmente o seu uso orixinal como torres botánicas, transformándose nun invernadoiro interactivo que convida o público a experimentar coa propia instalación.

Especies vexetais que hoxe poboan os montes ou os agros galegos —desde fentos a lavandas, ou mesmo cabaceiras— e outras empregadas como plantas decorativas de interior convivirán ata o 6 de agosto na torre de cristal das Hejduk. Dotadas de sensores e infravermellos, as plantas oscilan ou emiten son cando son acariñadas, modulando a súa reacción en función de variables ambientais como luz, humidade ou temperatura.

Violonchelista, artista visual e investigadora, Macarena Montesinos Fandiño (Vigo, 1982) destaca por ser unha artista fronteiriza que traballa desde a arte sonora, a performance, as artes escénicas e o audiovisual. Integrante de múltiples formacións de improvisación e música experimental, ten mais dunha ducia de discos publicados en selos europeos e americanos e realizou múltiples residencias artísticas de investigación en Galicia, España, Alemaña, Suíza e Portugal. Actualmente é investigadora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra da Universidade de Vigo, onde estuda a relación entre as partituras gráficas e a improvisación sonora.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?