A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, activou o estado de prealerta por seca en 12 dos 19 sistemas de abastecemento da bacía de competencia autonómica co fin de intensificar o seguimento da situación, estando garantido o abastecemento de auga á poboación. Os 7 sistemas restantes, correspondentes coa zona norte da Comunidade, mantéñense en niveis de normalidade.
En concreto, está activado o estado de prealerta por seca nos sistemas de abastecemento do río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona; Costa de Pontevedra, río Lérez e ría de Pontevedra; río Umia e ría de Arousa (marxe esquerda); río Ulla e ría de Arousa (marxe dereita); río Tambre e ría de Muros; río Xallas, Costa da Coruña e ría de Corcubión; río Castro; río Grande, ría de Camariñas e Costa da Coruña ata o río Anllóns; río Anllóns e Costa da Coruña ata o límite con Arteixo; río Mero, Arteixo e ría da Coruña; e río Mandeo e ría de Betanzos. Os 7 sistemas restantes, correspondentes coa zona norte da Comunidade, mantéñense en niveis de normalidade.
A activación da prealerta por seca nestes sistemas de abastecementos é dunha medida preventiva da Xunta que busca a anticipación ante un posible episodio futuro de escaseza de auga, así como a toma de conciencia sobre a necesidade de facer un consumo responsable.
A Oficina Técnica da Seca, que se reunirá este xoves, está integrada pola dirección e os representantes dos servizos territoriais e de planificación de Augas de Galicia, así como os servizos de Protección Civil, Meteogalicia e de Medio Rural, dependentes, respectivamente, da Vicepresidencia Primeira; da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; e da Consellería do Medio Rural.