Convocada a primeira edición do concurso de fotografía ‘A Laracha no obxectivo’

Paseo de Caión en A Laracha

A través deste certame, convocado polo Concello da Laracha, preténdese recoller imaxes de calquera lugar do termo municipal da Laracha para destacar os seus atractivos, como poden ser o patrimonio material e inmaterial, as paisaxes, a etnografía rural, as aldeas, as xentes, etc.

O concurso dividirase en dúas modalidades e repartirá un total de 1.150 euros en premios.

A modalidade Xeral ten establecidos un primeiro (500 euros), segundo (300 euros) e terceiro (150 euros) premios. Cada concursante poderá presentar un máximo de tres fotografías, que deben ser inéditas e non estar xa seleccionadas ou premiadas noutro certame ou concurso. É obrigatorio que as imaxes fosen tomadas no termo municipal da Laracha, e que como tal sexan recoñecibles, non admitíndose aquelas que non cumpran este requisito.

Para garantir o anonimato do participante de cara á valoración por parte do xurado, as instantáneas deben presentarse en formato dixital (CD ou lapis de memoria) no rexistro do Concello e baixo un pseudónimo escollido polo autor. Teranse en conta para outorgar os premios aspectos como o impacto visual, a calidade técnico-artística e a creatividade.

Na modalidade Redes Sociais hai establecido un único premio de 200 euros para aquela fotografía que obteña máis “gústames” durante o período de votación que se abrirá na páxina de Facebook de Turismo do Concello da Laracha. Neste caso limítase a unha única imaxe por cada participante e poderase enviar en liña.

Desde este martes día 2 e ata o 30 de novembro permanecerá aberto o prazo para presentar as fotografías en ambas modalidades. A principios de decembro faranse tanto a valoración do xurado na modalidade Xeral como a votación na modalidade Redes Sociais.