Convocada a proba para que os maiores de 20 anos obteñan o título de Bacharelato


Para poder participar nestas probas as persoas candidatas deberán ter 20 anos cumpridos ou cumprilos dentro do ano 2021 e non dispoñer deste título ou equivalente nin atoparse cursando ensinanzas de Bacharelato en ningún dos réximes (presencial, semipresencial ou a distancia) neste curso.

O prazo de presentación das solicitudes estará comprendido entre o 3 e o 10 de marzo de 2021. O exame celebrarase o vindeiro 23 de abril no IES San Clemente de Santiago de Compostela.

As solicitudes deberán presentarse en soporte papel ou utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Os centros nos que se poderá facer a inscrición son o Centro de Educación para Adultos (EPA) Eduardo Pondal (A Coruña), o IES San Clemente (Santiago de Compostela), o Centro EPA Albeiros (Lugo), o Centro EPA de Ourense, o Centro EPA Río Lérez (Pontevedra) e o Centro EPA Berbés (Vigo).

As persoas interesadas poderán matricularse dos dous exercicios que integran o exame ou dun deles. A proba convócase para as modalidades de Ciencias e de Humanidades e Ciencias Sociais. En calquera caso, poderanse inscribir na proba e titular pola modalidade de Artes, as persoas que estean en condicións de validar o segundo exercicio conforme ao establecido na convocatoria.