Convocada a quinta edición do programa Medrando Xuntas


O programa Medrando Xuntas enmárcase na Estratexia galega de Economía Social 2019-2021 e arrancará o próximo mes de marzo. As mulleres interesadas en participar nesta iniciativa de formación, que rematará en xuño, poden matricularse xa. Levaranse a cabo dous programas diferentes: un dirixido a directivas e outro a socias e traballadoras. Esta edición desenvolverase principalmente en formato dixital tras o éxito do programa que tivo lugar en 2020 que se adaptou á situación xerada pola covid-19. Nas edicións pasadas participaron 155 mulleres nos 10 cursos que se realizaron en seis localidades diferentes. A modalidade dixital axuda, ademais, a desenvolver habilidades dixitais e reduce os desprazamentos entre cidades galegas, axudando á conciliación da vida profesional e persoal. Toda a información relativa a Medrando Xuntas (programas completos, inscrición, datas e horarios, etc.) pode consultarse na web da Rede Eusumo. As prazas para participar no programa formativo son limitadas e a preinscrición pode realizarse a través do formulario que se atopa na dita web ata o 21 de febreiro de 2021.