A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda convoca por segundo ano consecutivo a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia, co fin de recoñecer o esforzo e a implicación dos concellos galegos, e dos seus veciños, na protección dos elementos máis representativos da Comunidade galega: a paisaxe e patrimonio natural.
O obxectivo -tal e como defendeu o director deste ente, Francisco Barea- e de premiar a aqueles concellos que destaquen polas súas boas prácticas ambientais de conservación e protección da paisaxe. Engadiu que outra das vantaxes do outorgamento deste distintivo é que constituirá un mérito aos efectos da obtención de subvencións en materia de patrimonio natural.
Á segunda convocatoria, a de 2021, poden optar todos os concellos de Galicia que desenvolveran actividades relacionadas coa ordenación territorial, a protección do medio ambiente, o cambio climático, a eficiencia enerxética, a xestión responsable dos residuos, así como accións de sensibilización e comunicación para concienciar aos veciños da importancia de actuar e avanzar nestes eidos.
En definitiva, trátase de distinguir aos concellos máis dinámicos neste eido, desenvolvendo boas prácticas para o coidado da súa contorna, o respecto á paisaxe, a redución das súas emisións de CO2, o fomento da correcta xestión do lixo, a adopción de medidas para garantir a integridade e limpeza de espazos de interese, a posta en valor de monumentos naturais, ou a redución do consumo enerxético.