A Plataforma de Veciños de Brenlla convocou para este domingo 22 de febreiro ás 12:00 do mediodía unha concentración diante do Concello de Coristanco. A iniciativa ten como finalidade protestar contra a ubicación de antenas de telefonía móbil e ás liñas eléctricas de alta tensión preto das casas. A Plataforma pide que se aplique o principio de precaución ante as dúbidas e o posible risco que xeran este tipo de infraestruturas, en particular a instalada na súa parroquia.
Fontes próximas á Plataforma de Veciños de Brenlla afirman que o PP e o alcalde calan, otorgan e non actúan ante a polémica xurdida na instalación dunha torre de telefonía preto das casas de Brenlla, O voceiro socialista en Coristanco, José Manuel Pérez Abelenda, criticaba esta instalación na que definía a ubicación exacta da obra nunha finca pertencente a un membro da candidatura do PP na localidade. O grupo socialista solicitáballe ao alcalde que detallase a data exacta na que o Concello tivo coñecemento do proxecto de instalación desta antena, “unha información clave para entender por qué non se activaron mecanismos de comunicación coa cidadanía nin se abriu un proceso de diálogo previo”.
O BNG de Coristanco sinalou que os afectados do lugar dirixíronse ao Concello para pedir ao goberno local que fixese as xestións oportunas para que as súas reivindicacións sexan atendidas, “mais a acollida por parte das autoridades municipais non foi todo o boa que era de agardar”, polo que o deputado nacionalista no Parlamento, Oscar Insua, pedía “que interveña a Xunta de Galicia para tratar de buscar unha solución satisfactoria para todos”.