O PP de Cerceda manterá unha reunión cos empresarios locais o vindeiro mércores día 19 ás 18:00 horas. No acto, que se celebrará no Viveiro de Empresas (Acevedo) participará a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, xunto ao candidato á Alcaldía do Partido Popular.
O encontro, que servirá como primeira toma de contacto co sector empresarial, pretende avaliar o estado actual do solo en Cerceda e a necesidade de aprobar un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, tal e como xa avanzou David Lamas. Os populares xustifican a necesidade da elaboración dun novo PXOM como medida estrela para que Cerceda avance cara un importante crecemento da man do seu tecido empresarial. “Cerceda leva máis de 20 anos gobernada da mesma maneira, perdendo poboación e perdendo oportunidades”, sinalou o candidato popular.
Nos últimos anos foron moitas as iniciativas empresariais que declinaron a opción de investir en Cerceda pola pouca seguridade que ofrece un polígono industrial que xa foi tema de debate en numerosos plenos da corporación. Agora, coa vista posta no paso polas urnas, a posición da formación conservadora sitúase na necesidade de escoitar ao empresariado e brindarlle a seguridade que o mesmo leva tanto tempo reclamando.