A Xunta de Galicia vén de convocar un total de 525 prazas para alumnado de Bacharelato e outras 285 prazas para profesorado dirixidas a realizar estadías lingüísticas no estranxeiro co fin de mellorar as súas competencias noutros idiomas. Retómanse así dúas importantes accións que se desenvolven ao abeiro da Estratexia de Educación en Linguas Estranxeiras, Edulingüe 2030, que nos últimos dous anos se viron interrompidas por mor da pandemia.
Para obter as bolsas os candidatos terán que estar cursando, no réxime xeral, 1º ou 2º de Bacharelato, en centros de Galicia sostidos con fondos públicos, durante o curso 2021-2022; ter unha nota mínima na área ou materia de lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía de Ben ou 6 no curso 2020-2021, así como ter superadas todas as materias nese mesmo ano académico. No caso do alumnado de 1º curso de Bacharelato, ademais das condicións xa citadas, o alumnado debe estar matriculado, no presente curso 2021-2022, nun centro da Rede de Centros Plurilingües.
Os criterios para o baremo, puntuación e determinación das achegas familiares serán a nota media do expediente académico no curso 2020-2021 e a renda per cápita da unidade familiar. Ademais, terase en conta o feito de pertencer a unha familia numerosa, contar cun membro cunha discapacidade igual ou superior ao 33% ou pensionista de grande invalidez. Igualmente valorarase o feito de non ter sido beneficiario dunha axuda destas características na convocatoria do ano pasado.