Dos 217 millóns de euros, uns 170 millóns correspóndense cos pagamentos directos da PAC -mantéñense con respecto a anos anteriores- e 47 millóns de euros coas medidas de desenvolvemento rural asimiladas ao Sistema Integrado de Xestión e Control (axudas a zonas con limitación naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas), que se incrementan con respecto á convocatoria anterior. Así, o orzamento global desta convocatoria é superior ao das anteriores campañas grazas -entre outros- ao incremento impulsado polo Goberno galego nas axudas para agricultura ecolóxica, no marco das achegas agroambientais. Neste caso concreto, de xeito consensuado coas organizacións profesionais agrarias aprobouse un orzamento de 45 millóns de euros para o período completo da PAC, ao incrementarse anualmente en máis do 130 % sobre o orzamento previsto inicialmente para 2023 (de 3,9 millóns de euros) e cun aumento do 183 % na dotación en relación co destinado no 2022 (3,18 millóns). Ademais, tamén se incrementan as axudas para extensificación das explotacións gandeiras ata chegar aos 13,65 millóns de euros. Cabe recordar que esta liña de achegas tamén contén un complemento para o pastoreo en concellos con presenza do lobo. Por último, as achegas para os pagamentos a zonas con limitacións naturais sitúanse nuns 18 millóns de euros e as forestais nos 2,25 millóns de euros.
42