Convocadas as axudas Emega de fomento do emprego feminino


A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade publicou unha nova convocatoria do programa Emega de fomento do emprendemento feminino que, cun orzamento histórico de case 4,4 millóns de euros (un 34% máis que o ano pasado), prevé outorgar 275 axudas, un 18% máis que en 2021, no que se concederon 234. As mulleres emprendedoras poden cursar as súas solicitudes desde mañá e ata o próximo 12 de agosto.

O crédito da convocatoria experimenta na anualidade 2022 un incremento significativo, co obxectivo de ofrecer o maior volume de recursos para favorecer a iniciativa empresarial das mulleres e brindarlles maiores oportunidades para diminuír as fendas de xénero.

O programa Emega comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.

Catro liñas integran o programa: Emprende, con incentivos para a posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres desempregadas e a creación de emprego estable por conta propia e allea; Activa, para favorecer a reactivación e consolidación de proxectos empresariais; ITEF, que pon o foco no apoio a iniciativas empresariais con carácter innovador, con contido científico ou de base tecnolóxica; e a liña Concilia, complementaria das tres anteriores, para axudar tanto ás mulleres promotoras como as traballadoras ao seu cargo na súa conciliación.

A contía dos apoios vai dos 8.000 euros por beneficiaria aos 42.000 en función da liña solicitada e do número de postos de traballo creados ou mantidos para mulleres de carácter indefinido. A estas contías engadiríase, de ser o caso, a axuda complementaria da liña Concilia, que oscila entre os 3.000 e os 5.000 euros.

Para resultar beneficiarias do programa Emega, as mulleres emprendedoras deben liderar unha microempresa ou pequena empresa validamente constituída e domiciliada en Galicia. Entre outros requisitos, deben manter vinculación laboral co proxecto que, á súa vez, ten que ser viable económica, técnica e financeiramente.