Convocadas as axudas para financiar a actividade das asociacións de autónomos


Este programa, da Consellería de Emprego e Igualdade, está destinado a financiar parte dos gastos de funcionamento das entidades asociativas de Galicia de persoas traballadoras autónomas, coa finalidade de apoiar de forma eficaz a consecución e o cumprimento dos fins que lles son propios. O obxectivo é, polo tanto, apoiar o movemento asociativo das persoas traballadoras autónomas na defensa dos seus intereses.


A través desta iniciativa serán subvencionables os gastos de persoal; arrendamentos de locais; servizos profesionais independentes; primas de seguros; actuacións de publicidade; compra de material de oficina, fotocopias e imprenta; gastos de subministracións eléctricas, de telefonía, de gas, auga, de limpeza dos locais e aloxamento e mantemento da web; cotas de subscrición a publicacións e inscrición en actividades e pola pertenza a outras organizacións autonómicas ou estatais; gastos de organización ou participación en congresos, seminarios, xornadas e outras actividades de natureza semellante, incluídos os gastos de desprazamento e manutención; gastos de renting; e aqueles ocasionados pola elaboración de estudos e publicacións, pola realización de actividades de formación en Galicia ou pola implantación de proxectos ou programas de promoción do emprego autónomo.


Poderase financiar ata o 90% dos gastos subvencionables, polo que o 10 % restante correrá por conta da entidade beneficiaria. A contía máxima da axuda non poderá exceder a cantidade de 55.000€.