Convocadas as prazas do Plan de formación continua para as forzas de seguridade


Trátase do plan de formación continua da AGASP do primeiro semestre para o persoal da Policía Local e demais profesionais das forzas e corpos de seguridade do Estado que traballan en Galicia, é dicir, Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil. O plan, ao igual que o ano pasado, impartirase na modalidade de teleformación debido á covid-19 e inclúe 32 actividades con máis dun milleiro de prazas e tamén máis dun milleiro de horas de formación.

Durante os próximos meses -entre marzo e setembro- impartiranse cursos en materias como a seguridade viaria, violencia de xénero, ciberseguridade, delitos contra o patrimonio, ocupación ilegal de inmobles, o marco regulador dos drons ou bandas xuvenís, así como cursos de idiomas ou de linguaxe administrativa, co obxectivo que os profesionais das forzas de seguridade poidan continuar a actualizar os coñecementos relacionados coa súa actividade profesional.

A formación realizarase a través da plataforma de formación en liña cun 80% das clases nesta modalidade de asistencia obrigatoria, aínda que algunhas das clases e as probas finais serán presenciais na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, onde se tomarán tódalas medidas hixiénico-sanitarias para garantir a seguridade do alumnado.

O prazo para inscribirse nestes cursos comeza a partir de mañá e prolongarase ata o 15 de marzo a través do formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web http://agasp.xunta.gal. A formación dará comezo o 22 de marzo.