Convocadas axudas para a celebración de festivais, certames e feiras culturais de carácter afeccionado

1 minutes read

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a nova liña de axudas para apoiar a realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, da que se poden beneficiar institucións sen fins de lucro, entidades locais galegas e agrupacións de concellos.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina un total de 50.000 euros a este fin para apoiar propostas que teñan unha duración mínima de dous días consecutivos e un máximo de seis, e que como mínimo destinen un 30% do total das actuacións artísticas a cargo de grupos e ou compañías galegas e as actividades deberán ser gratuítas para o público, entre outros requisitos.

As axudas convócanse en réxime de concorrencia competitiva e a axuda máxima por beneficiario será de 6.000 euros e poderá ascender a 7.500 euros cando se trate de solicitudes conxuntas de entidades locais, é dicir, solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local.