Xa se poden solicitar as axudas da Xunta para a compra de vivenda nalgún dos case medio cento de concellos galegos que teñen declarado un centro histórico.
Así o avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, tras reunirse coa Asociación de Veciños da Cidade Histórica Fonseca de Santiago de Compostela, un encontro que aproveitou para explicarlles o obxectivo e os principais requisitos de acceso a esta liña de subvencións.
Segundo a resolución publicada no DOG, as persoas interesadas poderán solicitar estas axudas ata o vindeiro 1 de setembro. Trátase da terceira convocatoria deste programa, que para 2021 contará cun orzamento de 600.000 euros, case seis veces máis que a dotación coa que saíu convocada o ano pasado.
Os beneficiarios poderán optar a unha axuda de ata 15.000 euros para financiar a adquisición dunha vivenda xa construída (xa sexa nova, usada ou necesite de rehabilitación) localizada nun dos centros históricos existentes en Galicia.
Neste sentido, a conselleira salientou que o obxectivo principal co que se puxo en marcha este programa é o de contribuír a fixar poboación de forma estable nestas zonas, lugares emblemáticos e cunha grande riqueza patrimonial e arquitectónica.