Os beneficiarios desta convocatoria son os titulares de explotacións gandeiras inscritos no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega), así como propietarios de colmeas, que se viran afectados.
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes desde a entrada en vigor desta orde -este 16 de decembro- no caso de danos comunicados entre o 1 de outubro e da data de publicación desta orde. No que respecta aos danos ocasionados tras a convocatoria destas axudas, os interesados terán un mes contado a partir do día seguinte da comunicación do dano.
Nesa liña, as persoas interesadas deben comunicar o dano á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no prazo máximo de 3 días despois de terse producido. Para levar a cabo esa comunicación, poden chamar ao teléfono 012 desde as 8,00 h. ás 20,00 h. de luns a venres, e desde as 8,00 h. ata as 17,30 h. os sábados. Para os danos sufridos entre as 17,30 h. dos sábados e as 8,00 h dos luns, o prazo será de 24 horas a contar desde as 20,00 h. do domingo.
A orde recolle a posibilidade de sufragar os gastos veterinarios das reses que resulten feridas e, de ser necesario no caso de sufrimento grave e irreparable, tamén cubrirá os gastos de eutanasia acreditados e realizados de forma regrada por un profesional. Novamente, serán subvencionables os abortos que sufran as reses, como consecuencia do acto de depredación e tras a correspondente acreditación veterinaria.
Esta é a terceira vez que se convoca esta liña de axudas e dá continuidade ás de 2021 e 2022, que se pecharon coa concesión dun total de 42 axudas.