Convocadas eleccións para a renovación de 15 consellos reguladores do ámbito agroalimentario galego

O Diario Oficial de Galicia publicaba este xoves a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan eleccións e dítanse normas para a renovación dos órganos de goberno dun total de 15 consellos reguladores do ámbito agroalimentario galego. Mentres, os doutros 11 entes quedan prorrogados, dado o seu escaso número de rexistrados e baixo volume de actividade, o que dificulta a formación de candidaturas.

En virtude da orde publicada, realízase a convocatoria de eleccións para a renovación dos órganos de goberno dos consellos reguladores das denominacións de orixe protexidas (DOP) vitivinícolas Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras; do Consello Regulador das indicacións xeográficas (IX) das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia; dos consellos reguladores das DOP dos queixos Arzúa-Ulloa, Queixo tetilla e San Simón da Costa; dos consellos reguladores das indicacións xeográficas protexidas (IXP) Pataca de Galicia, Mel de Galicia, Pan de Cea e Castaña de Galicia; do Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia e do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

En canto ao calendario establecido, a partir do 11 e ata o 15 de novembro, as organizacións e asociacións poderán presentar candidaturas a vogais da Xunta Electoral. A presentación de candidaturas farase na Subdirección Xeral de Réxime Xurídico-Administrativo da Consellería do Medio Rural, mediante solicitude acompañada da documentación requirida. Garántese así o correcto funcionamento dos consellos reguladores como xestores das denominacións de orixe, das indicacións xeográficas protexidas e da agricultura ecolóxica galegas, dada a súa relevancia para o desenvolvemento rural da comunidade.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha