Convocadas novas axudas para mellorar a imaxe exterior de vivendas e equipamentos


Este xoves, 20 de xaneiro, abre o prazo para que os interesados poidan solicitar as subvencións de dúas liñas de axudas dirixidas a particulares e a concellos para executar actuacións que permitan corrixir os impactos paisaxísticos causados polo paso do tempo ou unha mala conservación en vivendas, edificios e equipamentos públicos municipais. Os particulares que se acollan ao programa terán acceso a un máximo de 3.000 euros, mentres para as entidades locais a subvención poderá chegar ata os 40.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes rematará o vindeiro 19 de febreiro, no caso das axudas dirixidas a particulares, e o 28 de febreiro no caso dos concellos de menos de 20.000 habitantes. Entre as actuacións subvencionables inclúense, no caso dos propietarios particulares, obras de revestimento e pintura de fachadas sen rematar, renovación dos acabados e remates exteriores de edificacións e vivendas —tamén das cubertas—, acondicionamento de peches de fincas e muros de cerramento ou substitución de celosías.