- Deste xeito favorécese que as persoas que non cumpran os requisitos académicos esixidos poidan cursar estas ensinanzas
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de convocar probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional do sistema educativo para o ano 2020. O obxectivo é permitir cursar estas ensinanzas ás persoas que non posúan as titulacións esixidas para o acceso, isto é, o título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou título profesional básico (ou equivalentes) para os ciclos de grao medio; e, no caso dos de grao superior, o título de bacharelato ou título de técnico de formación profesional (ou equivalentes).
En ambos casos as solicitudes presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado de solicitude, dispoñible na aplicación informática ciclosprobas (https://www.edu.xunta.es/ciclosprobas/PaxinaInicio.do) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia. Tamén se poderán presentar na secretaría de calquera centro docente público da Consellería que imparta FP este curso.
Grao medio. Poderán participar na proba de acceso a ciclos de grao medio as persoas que non cumpran os requisitos académicos esixidos para acceder a eles e teñan 17 anos ou os fagan no ano natural de celebración da proba. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre os días 2 e 13 de marzo de 2020, ambos os dous incluídos.Grao superior
Grao superior. Poderán participar as persoas que non cumpran os requisitos académicos esixidos para acceder a eles e teñan 19 anos ou os fagan no ano natural de celebración da proba. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre os días 10 e 19 de febreiro de 2020, ambos os dous incluídos.
Deste xeito a Consellería facilita e impulsa que as persoas continúen formándose para acadar unhas mellores condicións para o acceso ao mercado laboral.