Convocado o curso selectivo para preto dun cento de aspirantes a policías locais

1 minutes read

Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns a convocatoria dun curso selectivo para o acceso á categoría de policía, na escala básica dos corpos de policía local, correspondente á decimo quinta promoción. A acción formativa desenvolverase na Academia Galega de Seguridade pública (Agasp) do 3 de marzo ao 12 de decembro coa participación de case un cento de aspirantes. Inclúe ademais un período de prácticas de xuño a setembro, nos concellos de procedencia do alumnado.

O obxectivo é dotar os policías dunha formación teórico-práctica de carácter inicial, específica para as funcións propias dos corpos de policía local, e facilitarlles a competencia e capacidade necesarias para o desempeño da súa actividade profesional.

Así, nas sesións, que se impartirán mañá e tarde en réxime de internado, abordaranse os módulos xurídico, operativo, asistencial, técnico, social-humanístico e de formación física, así como de policía de tráfico, administrativa, e xudicial e de investigación. A duración do curso é de 1.400 horas lectivas, 900 delas na Agasp e 500 de prácticas nos respectivos concellos.

A iniciativa diríxese ás persoas que superaron os procesos selectivos da categoría de policía nos diferentes concellos de Galicia para que, unha vez realizado, sexan nomeadas persoal funcionario en prácticas. As solicitudes de inscrición deben ser remitidas polas administracións locais a través dun escrito á Agasp para a reserva das correspondentes prazas.

Este novo alumnado tómalle así o relevo aos integrantes da décimo cuarta promoción, formada por 117 alumnos e alumnas que remataron a súa formación o pasado mes e que tomarán posesión o vindeiro día 14.