Convocado o I Congreso nacional de violencia de xénero para forzas e corpos de seguridade

1 minutes read

A Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) acollerá en setembro o I Congreso nacional de violencia de xénero para as forzas e corpos de seguridade, segundo a convocatoria publicada este venres no Diario Oficial de Galicia. No encontro abordaranse todos os aspectos vinculados co trato coas vítimas a prol de mellorar os recursos destinados á atención inicial e á protección.

Así, o contido céntrase en políticas de igualdade e de seguridade, asistencia integral, protección e proceso xudicial para as vítimas, novidades xurídicas, labor de investigación e comunicación.

O congreso desenvolverase os días 15 e 16 de setembro, de 10,00 a 19,00 horas, con carácter presencial e dispón de 400 prazas. Xunto a membros das forzas e corpos de seguridade, a asistencia ábrese tamén a persoal dos servizos sociais e centros de información á muller, da Secretaría Xeral de Igualdade da Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade e ao público xeral.

O prazo de inscrición acaba de comezar e remata o 13 de setembro. Deberá facerse a través do formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp.