Convocado o primeiro gran xantar organizado pola Escola Municipal de Hostalaría de Carballo


O evento está programado para o venres 15 e terá como convidados aos consellos parroquiais. Debido ao espazo do aforo do comedor, o convite limitouse a dúas persoas por consello. Xunto a elas sentaranse o alcalde, Evencio Ferrero, e un representante de cada grupo político municipal.

O alumnado da Escola Municipal de Hostalería xa ven de enfrontarse estes días ao reto de servir unha gran sala chea de público no Fórum Gastronómico da Coruña, demostrando que está preparado para ofrecer o seu primeiro gran xantar.

Persoal da Escola Municipal de Hostalería no Fórum Gastronómico da Coruña.

O menú será o seguinte:

Empanada de xouba, mexillón tigre, salpicón de peixe sapo e lagostinos, capuchino de bullabesa e escuma de apio bola e bao de costela asada como entrantes; carrilleira de tenreira estufada e patacas asadas, de prato principal, e coulant de chocolate, de sobremesa.

Pero ademais de degustar as elaboracións do alumnado do curso de cociña que dirixe Fernando Agrasar, os/as asistentes tamén poderán ver en acción ao alumnado do curso de servizos de bar e cafetería, que será o encargado de servir as mesas.