- O Diario Oficial de Galicia publicou as bases da convocatoria do galardón outorgado polo Centro Galego de Arte Contemporánea, que establece un premio único de 3.000 euros.
Poden participar as persoas maiores de idade que presenten textos inéditos escritos en galego en relación con labores de investigación e produción de pensamento en arte contemporánea. As propostas serán de tema libre e deben ter carácter divulgativo, cunha extensión de entre 150.000 e 450.000 caracteres, incluídos espazos. Debe entregarse de xeito anónimo a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, unicamente co título ou lema na portada. O prazo de presentación finaliza o 30 de setembro.
O xurado, composto pola dirección do CGAC e tres personalidades de recoñecido prestixio do medio artístico-literario, terá en conta nos seus criterios de valoración a orixinalidade do enfoque e elementos de innovación e creación, a singularidade da perspectiva histórica ou metodolóxica, e a calidade literaria do texto. O premio poderá quedar deserto. A resolución darase a coñecer nun prazo de dous meses a partir do día seguinte ao peche da presentación de solicitudes.
A iniciativa enmárcase no labor editorial desenvolvido polo Centro Galego de Arte Contemporánea a prol do coñecemento e o acceso do público á arte contemporánea nas súas diversas manifestacións, así como da comunicación social das artes plásticas.