Convocado un concurso para producir unha obra icónica sobre o camiño de Santiago


A Cidade da Cultura de Galicia vén de convocar un concurso dirixido a artistas de entre 18 a 40 anos para crear unha obra de arte vinculada co Camiño de Santiago que ocupará un lugar destacado nos exteriores do Gaiás. A peza gañadora situarase no espazo onde desde 2011 se atopaba Singularidade, a creación de Alicia Martín, coñecida de xeito coloquial como A Bóla de Libros, que na primeira década de vida da Cidade da Cultura se transformou nun das súas imaxes máis icónicas e que agora será instalada no interior do Museo Gaiás.

Os artistas interesados deberán presentar os seus proxectos antes do 2 de agosto, e a proposta gañadora será seleccionada por un xurado integrado por Pilar Corredoira, comisaria de arte; Isabel Aguirre de Úrcola, arquitecta e ex directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega; Susana González, comisaria e consultora de xestión cultural; Eduardo López Valiña, conservador-xefe da Fundación Eugenio Granell, e María Pereira Otero, directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

Para o deseño, a execución e adquisición por parte da Cidade da Cultura da obra, o creador ou creadora seleccionada polo xurando recibirá unha cantidade de 40.000 euros (sen IVE). As obras presentadas deberán ser inéditas, orixinais e non ter sido premiadas noutras convocatorias. Na selección terase en conta a relación conceptual co Camiño de Santiago, así como a elección de materiais e outro tipo de consideracións que atendan a vocación de ser unha creación para situarse nos exteriores.