Convocados 28 cursos básicos e de formación continua para persoal de Protección Civil


Son dúas convocatorias da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para a realización de 28 actividades formativas dirixidas ao persoal das agrupacións de voluntarios e voluntarias de Protección Civil (AVPC). Arrinca así o plan formativo en emerxencias deste ano, que inclúe máis de medio cento de cursos con máis de 14.000 prazas para membros dos corpos e forzas de seguridade, así como dos servizos de emerxencias.

Concretamente convócanse 10 edicións do curso básico de Protección Civil na súa modalidade presencial, que suman 250 prazas. O contido abrangue a protección civil, os riscos, accidentes e autoprotección, a loita contra os incendios, as comunicacións, actuacións básicas ante emerxencias médicas e igualdade de oportunidades.

Trátase de formación preceptiva para o exercicio das funcións de voluntario das AVPC e que se realizarán de xeito descentralizado para facilitarlles o acceso ás persoas interesadas. Así, acollerán edicións do curso os concellos da Coruña, Muxía, Santiago de Compostela, Maside, O Pereiro de Aguiar, Lugo, Monforte de Lemos, Taboada, Marín e Mos.

Por outra banda convócanse 18 edicións de actividades enmarcadas no plan de formación continua, centradas na busca de persoas desaparecidas no medio rural con equipos caninos e outros medios, nas comunicacións en emerxencias, nos rescates en lugares de difícil acceso, nas colaboracións en dispositivos ante grandes concentracións humanas ou na actuación inicial coas vítimas de violencia de xénero, entre outros contidos. A meirande parte destas accións formativas son de carácter presencial na academia, agás tres modalidades en liña.

En ambas as convocatorias os cursos comezan en marzo e desenvolveranse ata xuño. O prazo de inscrición está aberto.