O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolleu este venres a convocatoria de 59 cursos de formación continua destinados á Policía Local dos concellos galegos. As accións formativas suman máis dun milleiro prazas e desenvolveranse ata mediados de ano na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).
Segundo a resolución publicada, poderá participar nos cursos tamén persoal das demais forzas e corpos de seguridade que traballan na comunidade -Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil-, para os que se reservan un 20 % das prazas. As solicitudes de inscrición deben presentarse a través do formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal) e o prazo para facelo vai desde mañá ata as 14,00 horas do vindeiro venres, 17 de marzo.
A programación formativa suma case 600 horas lectivas e inclúe cursos en modalidade presencial, semipresencial e en liña. Trátase de formación práctica orientada ao labor profesional que desenvolven de xeito cotiá os corpos e forzas de seguridade, con especial atención aos menores, con cursos sobre a prevención e a intervención ante o acoso escolar no marco da labor pedagóxico da policía nos centros educativos, o tratamento policial dos menores que cometen delitos penais, a protección de menores vítimas de infraccións penais ou a relación entre os menores e internet, con especial atención á incidencia das redes sociais na adolescencia.
Entre os contidos máis sociais prevense outros vinculados a intervencións con persoas con discapacidade intelectual ou con enfermidades mentais, ademais de abordar aspectos relacionados coa diversidade sexual, a diversidade de xénero ou orientación sexual.