Convocados cinco cursos para ampliar a capacitación dos patróns costeiros polivalentes

1 minutes read

A Consellería do Mar vén de convocar cinco cursos para as persoas que posúan o título de Patrón Costeiro Polivalente e queiran ampliar as súas atribucións como primeiro oficial de ponte co obxectivo de atender a demanda rexistrada neste eido e favorecer a remuda xeracional. Deste xeito Galicia sitúase á vangarda nesta oferta formativa que permite aos patróns costeiros polivalentes adquirir os coñecementos necesarios para actuar como primeiros oficiais de ponte en buques de pesca de ata 42 metros de eslora.
Destes cinco cursos poderán beneficiarse un total de 125 persoas -25 por curso- e realízanse en colaboración coas confrarías de pescadores. Dous deles impartiranse na Escola Oficial-Náutico Pesqueira de Ribeira, outros dous no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo e un na Escola Oficial-Náutico Pesqueira de Ferrol. O prazo de matrícula abriu hoxe e prolongarase ata o 25 de marzo, día incluído, e as persoas interesadas deberán facela na Sede Electrónica da Xunta de Galicia.
Galicia oferta esta formación no marco da orde estatal que desenvolve o real decreto que regula os títulos profesionais do sector pesqueiro en relación co título de Patrón Costeiro Polivalente. Trátase da primeira oferta formativa que a Xunta realiza neste ámbito e á que lle dará continuidade nos próximos meses.
Para a súa programación, a Consellería do Mar realizou consultas previas ás entidades asociativas do sector co fin de coñecer as necesidades neste eido e realizar unha convocatoria que estea o máis adaptada posible ás demandas dos seus potenciais beneficiarios.