Convocados os Premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación na FP


O obxectivo destes galardóns da Consellería de Cultura, Educación e Universidade é potenciar as iniciativas innovadoras, o traballo colaborativo e a transferencia de coñecemento entre centros educativos, empresas e outras entidades, procurando a calidade e a excelencia na formación profesional, e o fomento do emprendemento.

A dotación orzamentaria dos premios ascende a 800.000 euros. Entre os criterios para escoller os proxectos está o seu carácter innovador, o seu nivel de impacto no contorno produtivo e grao de transferencia á empresa, a súa aplicación práctica á aula e utilidade para outros centros educativos e a súaa capacidade para abrir oportunidades laborais ou a participación activa do alumnado. Terase en conta tamén a colaboración activa doutros centros, empresas ou institucións da contorna.

Así mesmo, valoraranse especialmente os proxectos que favorezan o acceso da muller aos perfís relacionados con profesións STEAM e actividades industriais, así como o acceso dos homes a sectores que contan con escasa representación masculina; e os que fomenten a aparición de novas iniciativas empresariais, especialmente aquelas que sexan susceptibles de pórse en marcha na Rede galega de viveiros de empresa.