Convocados os exames para o manexo de embarcacións de lecer e motos náuticas


As titulacións para as que se convocan os exames son patrón para a navegación básica, patrón de embarcación de lecer, patrón de iate, capitán de iate e patrón de motos náuticas A e B. Para optar a elas realizaranse exames teóricos e prácticos nos centros oficiais de ensino pesqueiro da Consellería do Mar.

No caso de patrón para a navegación básica, os exames teóricos realizaranse o 10 de maio e o 6 de setembro; as probas teóricas de patrón de embarcación de lecer serán o 11 de maio e o 7 de setembro; e as de patrón de iate realizarase os días 12 de maio e 8 de setembro. Os exames prácticos destas tres titulacións realizaranse o 14 de maio e o 10 de setembro e todas estas probas terán lugar no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo e nas Escolas Oficiais Náutico-Pesqueiras de Ferrol e Ribeira.

En relación aos exames de capitán de iate, o teórico realizarase o 13 de maio e o 9 de setembro, e o práctico terá lugar o 14 de maio e o 10 de setembro. Os exames teórico e práctico de patrón de moto náutica A e B serán o 13 de maio nunha única convocatoria. Estas probas de capitán de iate e de patrón de moto náutica A e B realizaranse no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

As persoas interesadas en presentarse aos exames teóricos e prácticos deberán solicitar a súa admisión mediante unha solicitude dirixida ao centro oficial de ensino pesqueiro onde realizará o exame. O modelo de solicitude figura como anexo I da resolución que publicou o xoves desta semana o DOG. Ademais na resolución poderán consultar os requisitos necesarios e a documentación complementaria que debe presentar coa solicitude. Para a convocatoria de maio poderán inscribirse do 5 ao 16 de abril, ambos incluídos, e para a de setembro o período de matrícula é do 12 ao 23 de xullo, ambos incluídos.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.