Convocados os Premios Artesanía de Galicia 2020


Estes galardóns teñen como obxectivo principal recoñecer e visibilizar o traballo do sector artesán galego, e contribúen a divulgar os oficios artesanais, potenciar a creatividade dos profesionais, incentivar os novos talentos en Artesanía de Galicia, promover o relevo xeracional e mais apostar pola introdución da innovación e do deseño nos procesos de produción.

O Premio Artesanía de Galicia, dotado con 9.000 euros, está dirixido a obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. O Premio Traxectoria ten carácter honorífico e trátase dun premio outorgado polo propio sector. Os Premios fan especial fincapé na incorporación dos artesáns máis novos a través do apoio á súa formación especializada co Premio Bolsa Eloy Gesto, que está dotado con 4.000 euros para investir nun centro de formación de prestixio.