A Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG), e tamén no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, as convocatorias, para maio e xullo, dos actos expropiatorios para a construción de dous novos tramos de sendas peonís na estrada autonómica AC-552, no concello de Coristanco, que facilitarán o acceso a pé ao centro comercial.
Trátase de dous itinerarios nas marxes da vía autonómica, que se executarán no remate da senda Carballo-Coristanco, dándolle continuidade cara ao centro comercial, e tamén entre Agualada e o cemiterio de Agrilloi. As obras suporán un investimento autonómico de 716.000 euros.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé a licitación desta actuación nas vindeiras semanas, para iniciar os traballos na segunda metade do ano. Os traballos contan cun prazo de execución de 8 meses.
Os actos para o levantamento de actas previas á ocupación terán lugar o 4 de maio ás 10:30 horas na Casa do Concello de Coristanco. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o 22 de xullo, tamén á mesma hora e no mesmo lugar.