Convocados premios para recoñecer o esforzo e a excelencia no bacharelato e na universidade

1 minutes read

A Xunta vén de convocar os Premios de Excelencia Universitaria, os Premios Fin de Carreira e os Premios Extraordinarios de Bachalarato, aos que destina unha contía global de preto de 900.000€.

O obxectivo de todos estes galardóns é o de recoñecer o esforzo e a excelencia do alumnado galego ben na etapa universitaria, ben na de Bacharelato, cun aproveitamento académico brillante. Os premios oscilan entre os 1.000 e os 3.500€ en función das modalidades, ademais dun diploma acreditativo.

Serán as propias universidades as que seleccionen os expedientes académicos das persoas que obtivesen a maior nota media, sempre superior aos 8 puntos, superando a totalidade dos créditos matriculados que, como mínimo, serán 60 no caso dos graos oficiais e de 72 nos programas de simultaneidade de graos.

As universidades deberán facer público a través das súas páxinas web a relación de alumnos propostos para os premios, de acordo cos requisitos establecidos na convocatoria.

Concederase un premio por cada titulación oficial de grao ao alumnado que finalizase os estudos correspondentes a un dos cursos en cada un dos centros nos que se imparta. Nos programas de simultaneidade de graos estenderase o premio ata o penúltimo curso anual dos programas. Quedan excluídos os de último ano por poderen optar aos premios fin de carreira que tamén convoca a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.