O Consello Reitor de Augas de Galicia abordou, na súa reunión ordinaria, a convocatoria das primeiras axudas para a mellora da calidade da auga das traídas veciñais, por importe de 750.000 euros, para os exercicios 2020 e 2021.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, deu conta no Consello Reitor da sinatura da resolución para a convocatoria destes incentivos, destinados a mellorar a calidade da auga dos abastecementos xestionados por comunidades de usuarios, que sairá publicada en vindeiros días no Diario Oficial de Galicia.
Poderán ser beneficiarios das axudas as comunidades de usuarios que acrediten incumprimentos de parámetros sanitarios da calidade das augas, mediante analíticas, e que presenten proxectos para a implantación ou mellora dos sistemas de tratamento da auga; para melloras as infraestruturas de almacenamento que incidan directamente na mellora da calidade; ou a realización de análises da auga para comprobar a súa calidade antes e despois da intervención.
As axudas cubrirán o 80% do financiamento das actuacións que resulten elixidas, segundo a criterios obxectivos, ata un máximo de 15.000 euros por proxecto. O 20% do financiamento restante deberá ser achegado pola propia comunidade de usuarios que resulten beneficiaria da subvención, non sendo compatible con outras subvencións ou axudas.
Os interesados terán un mes de prazo, desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, para presentar os seus proxectos.