Cooperación para unha nova recollida de residuos mariños na illa de Sálvora

1 minutes read

A Xunta volverá colaborar este ano na segunda edición do Plan de conservación territorial-ON (PLANCTON), unha iniciativa promovida por Afundación, a obra social de ABANCA, e que ten entre os seus principais obxectivos reducir a presencia de lixo mariño nas zonas costeiras e no mar a través de intervencións de limpeza e recollida de residuos.

Así o comprometeu a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, durante a reunión que mantivo coa coordinadora xeral de Responsabilidade Social Corporativa e Institucional de Afundación, Pilar Alves, e a coordinadora de Sostibilidade de ABANCA, María García.

Deste xeito e tras o éxito da campaña de 2021 —na que colaboraron varias entidades e 800 voluntarios e grazas á que se logrou recuperar 19 toneladas de residuos mariños en toda Galicia, principalmente na comarca de Arousa—, o departamento autonómico e a entidade social volverán cooperar para que parte das actividades de voluntariado ambiental que se organicen no marco da segunda edición de PLANCTON teñan como escenario o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.

Así, se o ano pasado os voluntarios mobilizados por Afundación limparon a contorna mariña do arquipélago de Cortegada, na ría de Arousa, nesta ocasión as accións de limpeza e recollida de residuos e eliminación de especies exóticas invasoras centraranse —ademais de Cortegada— na zona marítima-costeira da illa de Sálvora.

PLANCTON é un plan multidisciplinar que busca fomentar a conservación e a sostibilidade das actividades socioeconómicas na área de influencia das Zonas de especial protección de aves mariñas de Galicia tratando de inculcar unha conciencia sostible en todos os sectores sociais, especialmente no pesqueiro.