Coordinadas as primeiras xornadas do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal


Os días 31 de maio e 1 e 2 de xuño terán lugar as primeiras xornadas formativas e informativas do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, coordinadas pola Área de Turismo da Deputación da Coruña, están abertas á participación e diríxense, como obxectivo fundamental, a dar a coñecer o proxecto a poboación e a todos os entes interesados, pero facendo fincapé na implicación dos axentes locais: concellos, Xunta de Galicia, asociacións, universidade, comunidade educativa, entre outros. O obxectivo é facer chegar a toda a poboación tanto o proxecto como o procedemento de posta en funcionamento, no que destaca a creación dun plan de turismo sustentable, unha investigación profunda do territorio e un modelo educativo que realce os valores biolóxicos, xeolóxicos e culturais do territorio.

As xornadas vanse realizar no auditorio da casa da cultura de Cariño, na que o co-coordinador desta actividade e avaliador da UNESCO para o programa de xeoparques, Asier Hilario, encargarase da súa apertura cun relatorio marco sobre o papel sustentable e innovador dos xeoparques.