COP26 | Líderes de todo o mundo acoden á cita crucial para o planeta

1 minutes read

Discursos grandilocuentes na apertura da COP26 en Glasgow. Descrito como a última oportunidade para o mundo de facer fronte á crise climática. Ao cume acudiron máis de 120 xefes de Estado e de Goberno. Entre eles ausentáronse o presidente chinés e o ruso.

Na inauguración, o Primeiro Ministro británico, Boris Johnson, destacou que o mundo está atado a un «dispositivo que marca o día do xuízo final» e reclamou que se axude aos países máis pobres na transición. O príncipe Carlos, herdeiro ao trono británico, instou este luns ao mundo para poñerse «en pé de guerra» para afrontar a emerxencia climática.

O secretario Xeral da ONU, Antonio Guterres, subliñou que se trata de «salvar á humanidade» nun momento no que se está cavando a súa tumba: «Mesmo no mellor dos casos, as temperaturas aumentarán moi por encima dos dous graos. Por tanto, mentres sucede este cume sobre o cambio climático, seguimos dirixíndonos ao desastre climático. Os mozos sábeno. Todos os países veno. Os pequenos estados insulares en desenvolvemento e outros vulnerables víveno. E para eles, o fracaso non é unha opción. O fracaso é unha sentenza de morte».

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou o compromiso de España de aumentar un 50 por cento a súa achega ao Fondo Verde do Clima ata chegar aos 1.350 millóns de euros anuais a partir de 2025.

A chanceler en funcións de Alemaña, Angela Merkel, sinalou que os países ricos «teñen especial responsabilidade» en liderar o recorte de gases nocivos e deben cumprir a súa promesa de achegar.

O presidente de Estados Unidos, Joe Biden, pediu que sexa «o punto de partida dunha década de ambición e innovación» para combater a «ameaza existencial» do cambio climático.