Corcubión convoca unha presentación do proxecto de rehabilitación do BIC Casco Histórico e a Praza de Castelao

2 minutes read

A Concellería de Urbanismo, Medio Ambiente e Sustentabilidade do Concello de Corcubión convoca á veciñanza, institucións, asociación e aos medios de comunicación, a unha presentación pública do proxecto “Rehabilitación do BIC Casco Histórico de Corcubión: proxecto construtivo para a Praza de Castelao e a súa contorna”.

O acto terá lugar o sábado 3 de outubro, ás 19:30 horas, na Capela do Pilar, e contará coa presenza dos arquitectos/as redactores/as do proxecto, Creus & Carrasco, que exporán directamente á veciñanza os seus obxectivos, alcance e fundamentos.


Trátase dunha iniciativa de gran relevancia para o futuro do centro histórico de Corcubión, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1984, que contempla a rehabilitación dun espazo público situados na principal zona de acollida do turismo que chega a esta antiga vila mariñeira da Costa da Morte. A intervención abrangue o espazo central da Praza de Castelao, a súa conexión coa contorna do porto e a Antiga Cárcere, así como actuacións na contorna da Praza do Concello, fronte a un edificio catalogado.


O proxecto ten como obxecto principal a rehabilitación ecolóxica do patrimonio, dando continuidade a outras actuacións previas enmarcadas no plan especial do casco histórico. Enmárcase dentro dun programa de axudas á rehabilitación de patrimonio orientado a promover obras de recuperación, transformación e resiliencia de bens patrimoniais co fin de impulsar o turismo sustentable.


Entre os obxectivos que persegue esta actuación destacan:


● Mellorar a convivencia entre peóns e vehículos no corazón do casco histórico.
● Garantir a accesibilidade universal a todo o espazo público afectado.
● Incrementar a presenza de vexetación e superficies permeables, tras a perda das palmeiras que configuraban a praza, e adaptar o espazo público ao cambio climático.
● Poñer en valor as edificacións patrimoniais catalogadas e a súa capacidade de acollida turística e cultural.

O Concello subliña que se trata dunha proposta técnica presentada nesta fase para o seu coñecemento e debate público, e que o seu desenvolvemento definitivo poderá acometerse por zonas, en función da execución orzamentaria e das prioridades que se establezan. Por iso, a Concellería considera fundamental que sexa a propia veciñanza quen coñeza de primeira man o proxecto, poida formular as súas dúbidas e trasladar as súas achegas directamente aos seus autores, nun exercicio de transparencia e participación cidadá.


Dende o Concello de Corcubión convídase a toda a veciñanza a asistir e participar activamente nesta presentación pública.