Corcubión, Ponteceso, Dumbría, Cabana e Laxe, diploma de ouro Praias Sen Fume

1 minutes read

A evolución da rede, que iniciou a súa andaina no ano 2016 partindo duna iniciativa de sensibilización contra o tabaquismo do Concello de Baiona en 2012, está a ser moi significativa, pasando de 26 praias de 19 concellos en 2016, a 162 areais de praias pertencentes a 66 concellos na actualidade, entre os cales se atopan con diploma de ouro, Corcubión, Ponteceso, Dumbría, Cabana de Bergantiños e Laxe. Camariñas ten diploma de prata.

A rede naceu cun fin educativo e de sensibilización social, recalcando a importancia da conduta dos adultos ante os máis pequenos, como figuras modélicas que son. O obxectivo é que a mocidade saiba que o normal é non fumar e avanzar e cambiar a percepción social sobre o tabaco, ao obxecto de converter este entorno en educativo e preventivo. O obxectivo da Consellería de Sanidade é conseguir que, nos vindeiros anos, todas as praias galegas formen parte da rede.

Nas praias sen fume non se pode fumar na zona do areal, quedando excluídas as zonas ao aire libre dos locais de hostalería situados nelas. Non existe vixilancia, nin sanción para o incumprimento, é unha elección voluntaria e persoal seleccionar unha praia sen fume como lugar de ocio, e polo tanto o seu cumprimento é unha responsabilidade persoal conseguindo así a participación activa da sociedade.

Galicia é pioneira na creación da primeira rede de praias sen fume, sendo o referente nacional na ampliación de espazos ao aire libre non regulados pola normativa vixente. A iniciativa está a ter unha gran acollida fóra da nosa comunidade e a Consellería de Sanidade facilitou asesoramento e información a outras comunidades sendo Murcia a primeira en continuar o exemplo de Galicia, ademais de Asturias, Cataluña, Canarias, Baleares, Andalucía e a Comunidade Valenciana que xa teñen creada a súa propia rede.