O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, reuniuse co alcalde de Corcubión, Manuel Insua, e o tenente alcalde, José Louro, cos que abordou os investimentos que a Deputación está realizando no municipio e as novas necesidades que plantexa o goberno local.
Ambos abordaron as importantes melloras que o Plan Único supuxo para o concello, con investimentos que superan o millón de euros desde a súa creación, aos que este ano se suman outros 200.773 euros, dos que 40.000 € se destinarán a reforzar os servizos sociais do municipio para facer fronte ás consecuencias da pandemia.
O alcalde explicou que ao longo dos últimos catro anos, o Plan Único permitiu a Corcubión acometer importantes obras coma o saneamento e pavimentación da travesía San Marcos e das rúas Moncho Reboiras, Salvador Allende, J.B. Carrera Fábregas ou a Avenida da Mariña, unhas actuacións que continuarán este ano no casco histórico da vila.
O alcalde solicitou tamén o apoio da Deputación para as «melloras necesarias» en diferentes infraestruturas municipais coma o campo de fútbol e a Casa da Cultura e destacou que, a pesar de tratarse do municipio máis pequeno da provincia pola súa extensión (apenas 7 quilómetros cadrados e menos de 2.000 habitantes), o carácter de «centro administrativo» de Corcubión, capital tamén do partido xudicial, ocasiona importantes gastos no mantemento de edificios públicos que non son de titularidade municipal coma os xulgados, o rexistro, Capitanía Marítima e o cuartel da Garda Civil.