Coreber e Concello da Laracha cooperan en cursos gratuítos para obter o carné básico de fitosanitarios

1 minutes read

A cooperativa Coreber, con sede na parroquia de Montemaior, porá en marcha a finais de outubro e en novembro cursos formativos dirixidos á obtención do carné básico para a aplicación de produtos fitosanitarios para uso profesional. O Concello colabora con esta iniciativa que procura dar resposta á crecente demanda nesta capacitación.

O curso está pensado para profesionais do sector agrario, pero tamén está aberto a persoas que teñan plantacións para autoconsumo. Trátase dunha formación fundamental, xa que a lexislación actual obriga a dispoñer deste carné para poder mercar, manipular e aplicar produtos fitosanitarios.

Ofrécense dúas modalidades diferentes para realizar o curso, ambas cunha duración total de 25 horas. A presencial impartirase en cinco xornadas de cinco horas de duración cada unha a levar a cabo nunha semana, de luns a venres. A modalidade en liña constará de 16 horas telemáticas e outras 9 presenciais que se realizarán nunha fin de semana.

A inscrición é gratuíta. Pode realizarse en liña na web municipal www.alaracha.gal cubrindo o formulario ou en Coreber (teléfono 981612900).

Este curso representa unha oportunidade para que os agricultores obteñan a formación oficial na materia e poidan seguir desenvolvendo a súa actividade dentro da normativa vixente. A colaboración entre Coreber e o Concello pon de relevo a importancia de sumar esforzos para apoiar ao sector primario, garantindo que as persoas traballadoras dispoñan das ferramentas e coñecementos necesarios para un uso responsable e seguro dos fitosanitarios.