Coristanco, A Laracha e Carballo acollerán o 12 Outono en Marcha de Senda Nova

1 minutes read

O Outono en Marcha lánzase na súa 12 edición con sete propostas para o coñecemento do entorno de Bergantiños.

Este sábado 30 de setembro tivo lugar no Espazo da Natureza de Oza a presentación dunha 12 edición do Outono en Marcha, un dos programas referencia de Senda Nova e que ten como obxectivo percorrer os deseños de rutas creados para o coñecemento dos concellos de Coristanco, a Laracha e Carballo.

O programa realizase coa axuda dos propios concellos ademais da Agrupación de Voluntari@s de Protección Civil de Carballo, a Rede Galega Polo Patrimonio e a Plataforma en Defensa de Monte Neme.

Case 40 persoas deron a benvida ao programa de andainas. Entre os asistentes atopábanse familias da Escola Ambiental, socios e socias de Senda Nova e público xeral que se achegou para levar a información precisa das andainas.

No acto de presentación estivo presente Alberto Sueiro, presidente da A.C. telón e aparte e director do Festival Internacional de Outono de Teatro ( FIOT). Tamén  o historiador Evaristo Domínguez Rial, Chelo Álvarez e Jose Manuel Menéndez Varela, encargados de explicar os pormenores do programa.

Como novidade e por primeira vez, dentro do programa realizarase unha andaina teatralizada. Grazas á labor da Aula Municipal de Teatro  e froito da colaboración de Senda Nova co FIOT, a Ruta do Xestal deseñada por Senda Nova, adaptarase para a súa teatralización. Dita actividade atópase entre a programación do festival carballés e integrada na xeira de actividades que o Concello de Carballo realiza no ano do Xestal, cando se cumpren 30 anos do seu falecemento.

Esta andaina será a primeira en realizarse, o vindeiro domingo día 8 e terá unhas condicións de desenvolvemento e apuntamento diferentes ao resto de actividades.