Serán tres días dun variado programa organizado polo Concello e que foi presentado este luns polo alcalde Juan García Pose, no que se introducen algunhas novidades. A empresa arteixá Bonilla elaborará unha edición especial para a feira de bolsas de patacas fritas coa variedade Kennebec de pataca de Coristanco no seu interior. “Un xeito de saborear Coristanco a través da súa pataca, neste caso en estilo chip”, afirmou o rexedor, e que estarán á venda durante os tres días da feira en bolsas de 150 gramos.
Pero como non só de patacas vive o home, tamén haberá música, actividades deportivas, concursos, xogos, sorteos, obradoiros e máis artesanía que nunca. “A celebración ten que valer para ensalzar Coristanco, pero sobre todo para divulgar a súa pataca”, incidiu o Alcalde. Poderase degustar, por exemplo, en tortilla, en empanada ou en versión cachelos, acompañada sardiñas, pescado da Costa da Morte, carne ao caldeiro ou mexillóns á feira. Voltará o tradicional desfile de tractores engalanados polas rúas da vila, será o domingo 17, día grande, ás 11:30 horas.